1. Coñece os teus dereitos

NINJA-DEREITOS-Manel1000

É imposible reclamar os teus dereitos cando os descoñeces, polo que cómpre coñecer as pautas básicas da lexislación e usalas como ferramenta indispensable na negociación de calquera proxecto. O ilustrador pode traballar sobre textos alleos por encargo ou facer creacións propias, sexa por encargo tamén ou por propia iniciativa. En calquera dos casos, os dereitos da obra serán sempre propiedade do autor.

Tipos de dereitos sobre as creacións

Dereitos morais (autoría, acreditación): son únicos e intransferibles e pertencen a cada autor polo simple acto de crear a súa propia obra. En ningún caso pode o autor renunciar á autoría de ningunha creación en favor de ninguén.

Dereitos patrimoniais (reprodución, distribución, comunicación pública e transformación): o autor debe percibir beneficios (ou royalties) da explotación comercial ou mediática das obras en cesión, que segundo a lexislación deben ser proporcionais a esa explotación (canta máis explotación, máis remuneración). A remuneración pode ser unha cantidade fixa a tanto alzado, unha que dependa das vendas efectivas ou unha que combine ambas as modalidades. En calquera dos casos, convén esixir sempre unha parte por adiantado. É imprescindible definir sempre detalladamente en contrato que tipo de usos vai explotar o cliente. Por exemplo, se son cedidos para merchandising debe indicarse o tipo concreto de produtos, o prazo de tempo ou a cantidade máxima de unidades.

Dereitos de reprodución e de distribución: uso da obra para producir copias desta e poñelas a disposición do público.

Dereitos de comunicación pública: a difusión ao público sen necesidade de exemplares individuais: medios audiovisuais, internet etc.

Dereitos de transformación: adaptar a obra a outros formatos ou facer dela unha obra derivada; a tradución é unha transformación.

Cláusulas que non deben faltar en ningún contrato de cesión de dereitos patrimoniais

Ámbito territorial da explotación
Sempre debe asinarse se a túa creación se vai explotar a nivel rexional, estatal ou internacional, e mesmo especificar en que mercados ou países concretos se lle permite ao cliente.

Prazo de explotación
En España as cesións de dereitos para edición non deben exceder os 15 anos de uso (para outro tipo de cesións, non existe limitación legal). En calquera caso, é importante fixar sempre un prazo máximo de uso. É conveniente incluír unha cláusula para que o contrato non se renove de xeito automático sen petición expresa do autor.

• ‘Royalties’
Estes son os beneficios económicos que xera a obra ou creación e repercuten en forma de porcentaxe sobre o PVP (sen IVE) de cada unidade de produto. No sector editorial, por exemplo, a porcentaxe habitual para o reparto de dereitos entre os autores dunha obra é dun 10%.

Nos teus presupostos ou contratos especifica detalladamente os usos e aplicacións para os que cedes o teu traballo. Tenta sempre asinar contratos, e, en caso de que non fose posible, especifica ao máximo os usos nos orzamentos e facturas que emitas.

Rexistro da propiedade intelectual

Podes rexistrar as túas creacións nas Oficinas de Propiedade Intelectual, ou en rexistros privados como SafeCreative.org (igualmente válidos, e que poden resultar máis económicos). Ás veces pode ser interesante rexistrar os traballos e proxectos antes de amosalos en editoriais, produtoras, axencias etc., ou mesmo antes de difundilos en internet. Non obstante, un rexistro non é unha proba definitiva, nin desde logo obrigatoria (a túa creación é túa, estea rexistrada ou non), aínda que pode servir para evitar problemas en certos casos concretos.

No caso de pensares nunha marca ou liña propia de produtos, paga a pena usar o rexistro da Oficina de Patentes e Marcas (este tipo de rexistro é mais caro que o da OPI pero ofrece maior protección mercantil; na propiedade industrial si prima o rexistro fronte á autoría).


«O dereito de autor protexe a expresión formal
das ideas. Deben ser expresadas ou fixadas nalgún soporte para gozar da protección do dereito de autor.»
derechosdigitales.org


 

Ligazóns de interese:

«El ilustrador y sus derechos» Capítulo do Nuevo libro blanco de la ilustración gráfica sobre dereitos de autor e lexislación (FADIP, PDF)

Lei de Propiedade Intelectual 21/2014, do 4 de novembro (BOE, PDF)

«9 normas de oro del ilustrador profesional» Inclúe unha escolma de artigos da LPI e un glosario de termos legais (FADIP)

«Registro de Propiedad Intelectual: Qué, Quién y Cómo»
(Gráfico de Safecreative.net)