2. Traballo especulativo (‘spec work’)

V2_spec

Spec work («traballo especulativo») é calquera tipo de traballo entregado por creativos ao cliente sen teren asegurado o pago por ese traballo. Neste tipo de prácticas os ilustradores traballan gratis ou reciben un pago insuficiente por realizar probas ou incluso proxectos completos, baixo incentivos como «a visibilidade», «isto é bo para o teu portafolios» ou «terás traballo arreo no futuro». Estas prácticas desvalorizan gravemente as nosas condicións laborais e prexudican a profesión no seu conxunto.

‘Crowdsourcing’

A «externalización masiva» é unha das tendencias de spec work máis estendidas. Son convocatorias abertas para realizar un encargo, xeralmente difundidas a través de internet. A convocatoria recibe numerosas propostas, das cales só unha —a escollida polo cliente— recibirá un pagamento, polo xeral xustiño (e que por riba che venden como premio).

Plataformas de crowdsourcing como 99designs, Adtriboo, Designcrowd ou Talentsunited atraeron nos últimos anos a clientes e empresas tirando proveito da situación do mercado global: unha tendencia de prezos «á baixa» alentada pola altísima oferta de ilustradores que saltan ao mercado internacional desde todos os recantos do planeta. Os máis atraídos polas «cenorias» spec work adoitan ser os creativos «júnior», os afeccionados ou os acabados de chegar que aceptan investir traballo e esforzo sen ter garantido beneficio ningún, ás veces sen máis incentivo que a «visibilidade».

TIP2_spec_b

Concursos especulativos / non éticos

Abundan os concursos —tanto desde o sector privado como do público— que impoñen condicións abusivas ou ofrecen premios non proporcionais ao beneficio que a empresa, marca ou organismo obtén da obra gañadora.

  • Este certame organizado por un xigante editorial recibiu protestas de miles de profesionais gráficos do estado: a cuantía do premio era o pagamento (bastante escaso) dunha cuberta de libro a cambio da explotación global e indefinida do traballo.
  • Este concurso de ideas reservábase o uso da obra gañadora en todo tipo de soportes, medios e produtos da marca.
  • Outros concursos resérvanse (abusivamente) a explotación de todos os traballos presentados. É o caso deste concurso que foi boicoteado en forma de folga á xaponesa.

Por que desaconsellamos participar en prácticas e convocatorias de ‘spec work’

  • Estas prácticas prexudican a toda a profesión. Unha convocatoria aberta supón un enorme gasto de tempo e traballo de balde (o de todos os participantes…, agás un). E unha convocatoria aberta non garante a calidade dos traballos; antes ben, ao contrario: como di Milton Glaser, «é imposible escoller un bo deseño entre mil deseños».
  • Se aceptas as condicións ‘crowdsourcing’ desprotexes o teu traballo. Nestas convocatorias non adoita haber contratos ou acordos que regulen o uso do traballo premiado: cedes a túa creación, permites cambios ou deixas que a súa verdadeira explotación comercial sexa moi superior ao reflectido nos teus «honorarios».
  • O ‘crowdsourcing’ perverte a relación ilustrador-cliente. Estas prácticas desprazan o modelo laboral de encargo (pagar por facer un traballo) cara ao modelo laboral de concurso («pagar» un só traballo entre moitos feitos). Non é aceptable que cada vez máis relacións profesionais funcionen baixo a mecánica de concurso low cost.

«Especular = propoñerlle sexo a todo o mundo prometéndolle unha cea ao afortunado gañador.»  Jeffrey Zeldman

 


Ligazóns de interese:

‘What is spec work?’ Animación (vídeo, inglés)

No!Spec Web fronte ás prácticas especulativas no deseño (inglés)

Specwatch Observatorio de concursos e prácticas ‘spec’ (Twitter, inglés)

‘Spec’ O que pasa cando lles pides traballo «spec» a outros profesionais (vídeo, inglés con subtítulos en castelán)

«Propuesta para responder por escrito a las solicitudes de trabajo especulativo» (artigo, Grafiscopio.com)