3. Por que non traballo gratis

V3_gratis

Ninguén entra nun restaurante preguntando se lle dan de xantar gratis. En cambio, aos ilustradores —tanto noveis como consolidados— pídeselles a miúdo que traballen sen cobrar. Isto segue a pasar con demasiada frecuencia nas profesións creativas (ilustradores, deseñadores, escritores, fotógrafos etc.). A destreza dun ilustrador segue sen valorarse igual que —poñamos por caso— a preparación dun enxeñeiro que apertando unha rosca arranxa unha máquina.

Os ilustradores que toman en serio a súa profesión non deben traballar gratis. Ou, cando menos, non deben traballar a cambio de nada.

«Traballar para o inglés»

Ás veces os ilustradores noveis aceptan encargos gratis para engrosar os portafolios, coller experiencia ou gañar visibilidade. Pero estas razóns non xustifican que traballes para o inglés: non regales traballo a clientes ou empresas alleos a ti. E se son clientes de certa envergadura, menos aínda. Pode que o panadeiro do teu barrio ande xusto de orzamento para pagarche un encargo. Pero unha mediana ou grande empresa si pode permitirse pagar os servizos dun ilustrador.

Só traballo gratis… nestes casos

É admisible colaborar gratis en causas ou proxectos cos que teñas implicación ou proximidade: eventos culturais, pequenos negocios de amigos, fanzines, iniciativas solidarias, proxectos colaborativos ou autoxestionados etc. E, naturalmente, os proxectos persoais sempre son un bo obxectivo no que concentrar o teu tempo e o teu traballo.

Se non teñen cartos poden pagar igual

Ante os encargos que non se pagan —ou que se pagan mal—, un ilustrador ten a priori dúas opcións: aceptar ou rexeitar o encargo. Pero hai outras alternativas, como cobrar en especie. Por exemplo: o teu cliente ten un bar e quere un cartel para unha festa. Non pode pagar, pero pode compensarche con consumicións, entradas para concertos etc. Outro exemplo: unha librería quere que ilustres o seu escaparate? Pacta un pagamento en libros.

O intercambio ou pagamento en bens e servizos é unha alternativa razoable. Moitos clientes (sobre todo os pequenos) son receptivos a este tipo de trocos. Tamén pode negociarse un pago mixto: parte en especie e parte en diñeiro. A cuestión é ser creativos para chegar a tratos equilibrados e, sobre todo, que valoren o que fas.

TIP3_gratis_b

Promesas, promesas

  • A promoción, esa quimera. O clásico «somos unha empresa con gran proxección e o teu traballo chegará a moita xente». Os clientes que a estas alturas veñen co conto da «promoción»… saben que os ilustradores xa temos as nosas propias ferramentas de promoción? Ademais, de pouco vale que te coñezan outras empresas e clientes se van vir co mesmo conto.
  • Confía en min, que imos triunfar. Hai emprendedores que artellan negocios sen contratar servizos profesionais, preferindo captar «socios» ou partners que capitalicen o seu traballo. O clásico «Faimo, que xa che pagarei cando se venda», pero en cool. Isto non deixa de ser unha práctica especulativa. Valora ata que punto tes que apostar ti polo negocio: podes confiar no cliente? Asegúrache datos fiables de vendas e beneficios? Neste tipo de traballo «capitalizado» non só se deben pactar royalties: pídelle un adianto ao cliente para que demostre seriedade e compromiso contigo.

O meu sobriño faimo gratis

Outra cantilena bastante habitual. Se rexeitas facerlle o traballo gratis, algún cliente dirache que coñece x persoas dispostas a facelo. Realmente, pérdeseche algo con clientes que fomentan a competencia desleal?

A vaquiña polo que vale

Sempre é recomendable informar os clientes para que vaian abrindo os ollos. Se asumes un encargo para alguén próximo (un irmán, un veciño…) que non che pode pagar, preséntalle unha factura co prezo real do encargo cun desconto aplicado. Así farás máis visible o valor real do teu traballo.

Fame para hoxe, fame para mañá

Ata onde estamos dispostos a regalar (ou malvender) o noso traballo é decisión de cada un. Pero antes de aceptar un traballo sen remunerar, valora se realmente che compensa entrar na dinámica do faimogratis. Lembra que facendo determinados traballos gratis prexudicas outros profesionais e estás a sabotar toda a profesión (incluídx ti).


«Pensádeo ben antes de traballar gratis, e non esquezades que traballar “a cambio de visibilidade”
é traballar gratis.»
Albert Monteys

 


Ligazóns de interese:

«¿Debería trabajar gratis?» (infografía por Jessica Hische, castelán)

«Protege tu carrera artística, por Stephen Silver» (vídeo en inglés e artigo coa súa tradución a castelán)

Trabajar gratis es un lujo que no me puedo permitir (páxina de Facebook)

«No trabajes para el inglés» (artigo do fotógrafo Xulio Villarino)

«No trabajo gratis» (BD de Mamen Moreu)

2 thoughts on “3. Por que non traballo gratis”

Comentarios pechados.