4. O cliente ‘ilustrado’ é mellor cliente

V4_clientes

Sempre é desexable que a relación ilustrador-cliente sexa fluída, respectuosa e satisfactoria para ambas as partes. O cliente informado e comunicativo, o que coñece o oficio do ilustrador e recoñece o valor do seu traballo, é un cliente óptimo. Pero tamén hai clientes que non saben (ou non queren saber) como funciona o oficio. Algúns non teñen idea do tempo ou as destrezas que se precisan para resolver un encargo, outros ignoran os baremos que determinan o prezo real dun traballo. Outros piden e piden propostas, bosquexos e cambios xustificándose na vella máxima «O que paga manda». E logo están os clientes que queren que lles fagas X+Y+Z só pagando Z. Para evitar este tipo de malentendidos e desencontros convén ilustrar os clientes, ir pouco a pouco dándolles pistas sobre como funciona o noso oficio.

A ilustración: cadea de prexuízos

No noso ámbito, desafortunadamente, a ilustración é unha actividade infravalorada cultural, social e economicamente. Pero en países como Francia, Reino Unido ou EE. UU. isto non é así. É importante eliminar os prexuízos que rodean os ilustradores, tanto na cabeza dos clientes como —ollo!— na dos propios ilustradores.

Repasemos, pois, algunhas cuestións básicas. A ilustración é unha
profesión: os ilustradores somos profesionais cualificados, e como tales debemos comportarnos e ser tratados. As cousas non se fan de xeito rápido e eficaz sen unha experiencia de anos detrás: non se debe aceptar aquilo de «cóbrame pouco, que ti iso o fas en media hora». O ilustrador ten que pagar facturas (e ás veces moitas): non debe permitir que o pagamento sexa en forma de «promoción» e similares.

Cousas que os clientes deben saber

• Cando a un ilustrador se lle presupón profesionalidade e eficacia, o mesmo se lle pode pedir a un cliente. Ao iniciar unha colaboración
profesional, ambas as partes asumen uns dereitos e uns compromisos.

• O artista plástico vende a súa obra; en cambio, o ilustrador vende dereitos sobre a súa obra. O encargo ou o pagamento polos dereitos das ilustracións non converte o cliente no seu propietario (e se comprase os orixinais, iso tampouco o converte en propietario dos dereitos sobre a obra).

• Se un cliente te chama para un traballo rápido, barato e de calidade, amósalle este gráfico:

TIP4_clientes-b

Establece sempre por escrito as condicións do encargo, a ser posible en forma de contrato. Os clientes sempre van procurar respectar máis os termos recollidos nun acordo escrito, e non van poder escudarse naquilo de «iso non foi o que falamos». Deixa ben claro no acordo os usos para os que cedes o traballo e o número e tipo de cambios que se consideran dentro do presuposto, e cales incrementarían o prezo.

A modo de conclusión

Cada persoa é un mundo, e tes que valorar en que medida podes mellorar a forma de traballar do teu cliente: trátase, obviamente, de ter certa man esquerda. Se o cliente é receptivo, facilítalle a «Guía para clientes» do Nuevo libro blanco (se non a coñeces, bótalle ti tamén unha ollada, ao mellor descobres algunhas cousas que non sabías).

Contestar ás peticións do teu cliente con argumentos e formas de
traballar arroupados pola práctica de miles de profesionais pode
conseguirche bos resultados en moitos casos. Sempre convén deixar claro que as boas prácticas benefician igualmente as dúas partes implicadas, ao profesionalizar aínda máis a relación. E non esquezas que como profesional tes tamén uns compromisos que cumprir, un pequeno código deontolóxico que podes encontrar tamén no Nuevo libro blanco (pp. 54-55).


«Levoume uns segundos debuxalo, pero levoume
34 anos aprender a debuxalo nuns segundos.»
Paula Scher

 


Ligazóns de interese:

Guía para clientes do Nuevo libro blanco (FADIP, PDF)

Protocolo ilustrador-cliente (AGPI, PDF)

Deseñadores vs. clientes (vídeo en Youtube)

Cómo realizar una oferta de empleo para un ilustrador
(artigo en Doméstika.com)

1 thought on “4. O cliente ‘ilustrado’ é mellor cliente”

Comentarios pechados.