6. Negociar tratos, descifrar contratos

V6_contratos

Os contratos formalizan xuridicamente as relacións profesionais, regulando o uso que cedes do traballo e o beneficio que percibes. Por tanto, hai que familiarizarse coa lexislación, a terminoloxía contractual e os dereitos de autor. O teu descoñecemento do que asinas nun contrato só te pode prexudicar a ti. 

Definición de contrato

Os contratos xeran unha serie de efectos xurídicos, obrigas e dereitos para as partes, que de xeito voluntario se someten ao pactado. A LPI (Lei de Propiedade Intelectual) indica que a formación do contrato de edición debe ter forma escrita, así como un contido mínimo (artigo 60).

Por que hai que saber de contratos

Aínda que hai ilustradorxs que traballan con axentes, a maioría dos profesionais do sector somos os nosos propios managers. É fundamental diferenciar os distintos usos e cesións de dereitos para manter o control sobre o que cedes e o que non cedes. Por exemplo: ao pactar un contrato de edición dunha novela gráfica, non se ceden os dereitos de edición a outros idiomas, nin os dereitos de transformación (animación, cinema, televisión, videoxogos…), nin os dereitos de merchandising. Cada uso diferenciado debe ter o seu contrato, tal como establece a LPI:

Art. 57.2: As cesións de dereitos para cada unha das distintas modalidades de explotación deberá formalizarse en documentos independentes.

Antes de asinar o contrato

  • Non corras a asinar
    Toma o teu tempo para revisalo. Non te sintas presionadx: ninguén asina un contrato o mesmo día que llo poñen na mesa.
  • Ten claro o que cedes e o que non cedes
    Presta moita atención aos ámbitos da explotación (xeográfico, lingüístico, temporal, usos, soportes), e se a remuneración é axustada a esa explotación. Cede os dereitos para usos, períodos e ámbitos ben delimitados, e sempre resérvate o control sobre os restantes tipos de explotación. Nunca cedas en bloque todos os dereitos patrimoniais dunha mesma creación.
  • Revisa con lupa as cláusulas e condicións
    Letra pequena segue a ser sinónimo de picaresca. Non te estrañes se algunha vez atopas nun contrato cláusulas do tipo «se coa, coou». Ollo cos eufemismos e os tecnicismos business. Ante a dúbida, sempre é mellor non asinar e propoñer cambios na redacción do documento. Se encontras puntos confusos, pídelle ao cliente que chos aclare.
  • Asesórate
    Consulta nas asociacións profesionais ou en foros de ilustración. Amósalle o contrato a compañeiros de profesión experimentados. Ou tamén podes cotexar o contrato cos modelos de contratos do Nuevo libro blanco.

 

TIP6_contratos-b

 

Cláusulas abusivas

Velaí un greatest hits de cláusulas abusivas vistas en contratos reais. Rexeita este tipo de cláusulas nos teus contratos:

mal-bancoEsta condición abusiva figura a miúdo nos contratos de libro de texto. Non se debe ceder traballo para reutilizar indiscriminadamente a cambio de nada.

mal-explSe a creación é túa, é unha cláusula ilegal: o que cedes son só algúns dereitos de explotación da túa obra. Isto só é válido cando traballas sobre creacións alleas (p. ex., como animador contratado nunha longametraxe de animación).

mal-porinventarSegundo a LPI (art. 43.5), a transmisión dos dereitos de explotación non alcanza as modalidades de utilización ou medios de difusión inexistentes ou descoñecidos no momento da cesión.

mal-universoDe momento (mal que lles pese a algúns) o ámbito máis amplo é o planeta Terra. Surrealismos á parte, non debes deixar indefinidos nin o ámbito de difusión nin a lingua de explotación (e poñer «todos» é unha indefinición, ollo).

Alternativas aos contratos

No sector da publicidade e afíns seguen a usarse moito os presupostos. Nestes pódense incluír cláusulas sobre os diversos aspectos do encargo: ámbitos e usos de explotación, datas de pagamento, correccións incluídas no prezo etc. O cliente debe aprobar o presuposto por escrito, ben asinando o documento ou ben dándolle luz verde vía email (conserva eses correos electrónicos: teñen validez xurídica se as cousas se torcen).

Negociar: algunhas pistas

Como xa apuntamos, o ilustrador freelance adoita ser o seu propio representante: por tanto cómpre coller soltura na arte de negociar. A negociación debe ser un diálogo e non un monólogo do cliente. Lembra que o cliente non vén facerche un favor: está interesado no teu talento porque lle vai tirar un beneficio. (Outro tema é que algúns traten de contratar o teu talento por catro pesos 😉 )

  • Vas ti ou veñen eles?
    Non se negocia igual cando buscas ti o traballo que cando o traballo vén a ti. Se es ti o que te presentas a un novo cliente, el pode marcar condicións. En cambio, se é o cliente o que acode a ti, tes unha posición vantaxosa: tes algo que lle interesa. Déixate querer e que mova ficha el primeiro.
  • A primeira oferta, que a lance o cliente
    Algúns encargos xa chegan cunha oferta económica (o que facilita as cousas), pero non a aceptes sen máis: sempre tenta negociar unha mellora da oferta. Noutras ocasións pediranche que sexas ti quen dea presuposto. Para non faceres o pailán, non lances unha cifra á baixa: pregunta primeiro ao cliente de que orzamento dispón para ese encargo.
  • As contraofertas
    Se a cifra che convén, aceptas. Se é inferior ao esperado, debes contraofertar cunha cifra que reflicta realmente o valor do encargo. Outra opción de contraoferta é propores un volume de traballo menor, axustándoo ao orzamento que che ofrecen. Nos sectores onde o autor percibe royalties, tamén pode proporse unha suba da porcentaxe como baza de negociación. (Nota: No sector do libro o tándem escritor-ilustrador percibe xeralmente unha porcentaxe do 10 % sobre as vendas do título, que reparten en proporcións que oscilan dependendo do volume de texto e de ilustración no libro).
  • Cando cobro?
    As esperas para cobrar son unha auténtica cruz da profesión, particularmente en áreas como a publicidade ou as campañas institucionais. Ata hai pouco, moitas axencias tiñan por costume pagar os freelances a 60, 90 ou mesmo 120 días (!!!). Este tipo de demoras — dificilmente xustificables— son asfixiantes e precarizan o ilustrador. Convén rachar estas dinámicas e acadar maior axilidade nos pagamentos. O sector público ten uns procedementos de pago ríxidos e lentos, pero no sector privado sempre podes propoñer alternativas: anticipos, fórmulas de pago fraccionado, prazos de pagamento máis curtos, descontos por pronto pago etc.

Nas túas negociacións transmite este mantra: Un ilustrador que entrega con eficacia e puntualidade ten dereito a cobrar coa mesma eficacia e puntualidade.


«Non consegues o que mereces,
consegues o que negocias.»
Lindsay Van Thoen

 


 

Ligazóns

‘ABC del ilustrador’ (FADIP)
Modelos de contratos do ‘Nuevo libro blanco’ (Pdf)
‘9 normas de oro’ (extractos da LPI e pequeno glosario de termos, FADIP)
El contrato de diseño: cláusulas a tener en cuenta (Gráffica)
Diez principios para un contrato justo para autores (IAF, Pdf)

1 thought on “6. Negociar tratos, descifrar contratos”

Comentarios pechados.