7. Débedas e faltas de pagamento

V7_debedas

Se es freelance ten por seguro que isto che sucederá nalgunha ocasión, se é que non che pasou xa: un cliente que non paga. Nalgúns casos reclamar unha factura non pagada pode ser sinxelo, pero noutros pode acabar sendo esgotador. Se non queda máis remedio, veraste obrigadx a acudir a un avogado, pero antes hai algúns pasos que podes dar para tentar o cobramento:

1) É importante saber que estás a reclamar algo lexítimo. Que non che dea vergoña nin te apouques ao esixilo: gañáchelo e correspóndeche por dereito. Sé firme e desconfía das escusas que che darán; non sexas inxenuo.

2) Asegúrate ben de que non é erro teu; comproba ben os teus movementos bancarios antes de reclamar (ás veces unha factura pagada pode pasar desapercibida)

3) Sé constante: chama cada semana ata conseguir o cobramento; non o deixes pasar, chama o cliente para que non se «esqueza». Normalmente a primeira comunicación é amigable, posto que a falta de pagamento podería deberse a un erro ou a un descoido do cliente. Pero permanece atento ás escusas manidas. Se tes que insistir, comunícate co cliente de xeito asertivo, non sexas nin agresivo nin miñaxoia.

4) Tras chamar varias veces, fai unha reclamación formal de pagamento por escrito, asegurándote da súa correcta recepción mediante o seu envío por correo certificado, ou mesmo por burofax se queres deixar constancia do contido da comunicación. É momento de seres firme e debes indicar a cantidade exacta da débeda e esixir o pagamento nunha data concreta, advertindo co emprendemento de accións legais en caso de falta de pagamento.

 

TIP7_debedas_b

 

5) Se non recibes ningunha resposta por parte da empresa aos teus requirimentos, tes varias opcións:

• Para o caso de que aínda teñas paciencia e queiras esgotar a vía amigable (dependerá do tipo de relación que teñas co debedor), hai distintas medidas extraxudiciais:

a) A conciliación civil é un proceso sinxelo e áxil, e a súa interposición é gratuíta. Non necesitas avogado nin procurador. Tes que presentar unha solicitude (podes cubrir un impreso formalizado) no xulgado de primeira instancia ou de paz do domicilio do debedor; este será citado para acudir ao acto conciliador e tentar resolver o conflito de forma voluntaria. Este procedemento, coa figura do conciliador, permitirache obter un recoñecemento de débeda e un acordo de realización do pagamento, ben nunha data concreta ou ben de forma fraccionada. O resultado será un acordo ao que as partes chegan por vontade propia, terá carácter executivo e será de obrigado cumprimento.

b) Se aínda mantés relacións fluídas co cliente pero non conseguides poñervos de acordo no importe ou o motivo da débeda, podedes sometervos á mediación ou á arbitraxe, neste caso de forma acordada e voluntaria polas dúas partes.

Mediación: é un proceso rápido, confidencial e amigable. As partes tentan chegar a un acordo coa axuda dun mediador, que velará polo acordo e o diálogo, sen impor a súa vontade. Non é gratuíto. Se conseguides chegar a un acordo e este se eleva a escritura pública perante un notario, terá carácter executivo e obrigatorio.

Arbitraxe: ao igual que a mediación, é un procedemento breve, confidencial e amigable, que tamén supón un custo para as partes. Ambas acordan someterse á decisión dun árbitro, que emitirá unha resolución (laudo), con efectos executivos equiparables a unha sentenza xudicial.

• Ou podes optar directamente por acudir á vía xudicial e interpor unha demanda para un xuízo monitorio perante o xulgado do domicilio do demandado (e se o teu cliente non é español, pero pertence a outro país da Unión Europea, podes interpor un «procedemento monitorio europeo»). Trátase dun procedemento moi sinxelo e rápido para reclamar as túas débedas monetarias. Se o importe debido é inferior a 2.000 euros non necesitarás a intervención de avogado nin procurador en ningún momento do procedemento. Sexa como for, para enfrontarte a un procedemento monitorio o recomendable é consultar cun avogado especializado.

Para curarte en saúde:

  • Antes de aceptares encargos de clientes que non coñeces, pide referencias a outros ilustradores. Sempre é bo ter indicadores de liquidez e fiabilidade dos clientes cos que vas traballar por primeira vez.
  • Nos teus presupostos ou contratos fixa claramente as condicións de cobramento para poder reclamar se fose necesario. Especifica:
    A data (ou datas) de pagamento
    A forma (anticipo, á entrega, mixto, a tantos días…)
    O medio (transferencia, efectivo, talón, por Paypal…)
  • Busca información na túa asociación profesional ou en asociacións de autónomos. A Vegap ofrece tamén un servizo de asesoramento legal aos seus socios.

 

«O 30 de febreiro
paga as débedas o trampulleiro.»
Anónimo

 


Ligazóns

«¿Qué hacer cuando no te pagan?» (artigo de redactorfreelance.com)
«¿Cómo asegurarte de que van a pagarte el trabajo?» (artigo de redactorfreelance.com)
Modelo de carta formal de reclamación de pago (PDF)
Modelo de solicitude de conciliación civil (BOE, PDF)
Máis información sobre a arbitraxe e a mediación (artigo de elderecho.com)
Guía del procedimiento monitorio (Ministerio de Justicia, PDF)
Modelo de petición de procedemento monitorio (Xunta de Galicia, PDF)

 

1 thought on “7. Débedas e faltas de pagamento”

Comentarios pechados.