8. Plaxios e usos indebidos

V8_plaxios2

Cada vez son máis habituais os usos indebidos, roubos e plaxios de creacións gráficas. O ilustrador debe coñecer as ferramentas legais e xurídicas para facer valer os seus dereitos fronte a este tipo de infraccións. E, no posible, debe reclamar compensacións proporcionadas aos danos causados.

Armas legais fronte aos usos indebidos

Tal e como din os dicionarios, plaxiar é copiar no substancial obras alleas, facéndoas pasar como propias. O plaxio e o uso indebido dun traballo teu (sen o teu permiso ou acreditación, tanto se hai ánimo de lucro como se non) vulneran os teus dereitos morais. Se ademais están a sacar beneficio económico ou empresarial do plaxio ou uso indebido, tamén hai vulneración dos teus dereitos patrimoniais.

No caso de dano moral, a Lei de Propiedade Intelectual estipula que «procede a súa indemnización, aínda non probada a existencia de prexuízo económico», e para a súa valoración «atenderase ás circunstancias da infracción, a gravidade da lesión e o grao de
difusión ilícita da obra». A LPI estipula tamén que o autor poderá esixir indemnización por danos patrimoniais de acordo coas «consecuencias económicas negativas, entre elas a perda de beneficios que sufrise a parte prexudicada e os beneficios que o infractor obtivese pola utilización ilícita», ou «a cantidade que como remuneración percibiría o prexudicado se o infractor pedise autorización para utilizar o dereito de propiedade intelectual en cuestión».

O Código Penal (art. 270.1) establece as multas e penas de prisión que pode carrear o plaxio ou o uso de obras sen permiso do seu autor.

Unha vez comunicada a vulneración de dereitos ao cliente ou terceiro, deberá establecerse unha negociación. Se non consegues cobrar a indemnización, e sempre que a vulneración estea acreditada e se poida probar, como autor poderás presentar demanda xudicial de reclamación polo importe que reclamas. Loxicamente, é desexable conseguir un acordo antes de ter que chegar a instancias xudiciais.

A protección internacional

A protección de dereitos de autor no ámbito internacional está regulada pola Convención de Berna, asinada por máis de 160 países. Esta convención garante aos autores de calquera país asinante a protección automática das súas obras en todos os demais países que forman parte do convenio.

Usos (e abusos) na era dixital

O fluxo continuo e global de imaxes propio da era de internet supón retos importantes para a protección dos dereitos da obra dos ilustradores. Do mesmo xeito que as redes facilitan a difusión da nosa obra, tamén facilitan o potencial risco de «inspiración», roubo ou uso indebido por terceiros. Non obstante, este círculo péchase nos casos en que os autores descobren —precisamente por internet— ese roubo. En resumo: internet tanto supón risco de «roubo» para o autor como risco de evidencia para o infractor.

 

TIP8_plaxios_b

Como actuar fronte ao uso indebido da túa obra

Se un cliente está a usar indebidamente un traballo que che encargou:   

Infórmao de que ese uso non estaba previsto no acordo e por tanto é unha infracción dos teus dereitos. Estás no teu dereito de reclamarlle un pagamento adicional por ese uso non pactado. O cliente deberá aboarche ese uso adicional. No caso de que lle interese manter ese novo uso ou amplialo, negocia un prezo de maior contía pola venda ou ampliación de cesión do teu traballo. En todo caso, antes de reclamar repasa coidadosamente as condicións pactadas no traballo e os termos contractuais (se por exemplo, o fixeches como asalariadx para unha empresa, os dereitos de explotación pertencen a esa empresa, salvo que asinases algo en contra).

Se é un plaxio ou uso indebido por terceiros:

Estes son os pasos que podes dar cando teñas estas sorpresas:

  • Non te arroutes. Busca os responsables pero non te poñas en contacto con eles nin fagas público o roubo. Faite o sueco mentres recolles información. Analiza se o uso está dentro dos límites dos dereitos de autor (páx. 21 do Nuevo libro blanco): por exemplo, se é unha obra nunha vía pública, como un mural, pode reproducirse sen permiso do autor.
  • Avalía o alcance da infracción e recolle probas. Investiga o alcance que ten o uso ou plaxio (datos de tiraxe ou difusión) e se está xerando lucro. Recompila probas (exemplares físicos do plaxio, anuncios, reproducións, capturas da web dos infractores, datos de vendas etc.). Nos casos de plaxio, fai un gráfico comparativo que evidencie claramente o «parecido máis que razoable» entre orixinal e plaxio. Todas estas probas poden ser útiles para levantar unha acta notarial da infracción, chegado o caso. Decidir se algo é ou non un plaxio pode implicar un compoñente subxectivo, pero cantos máis argumentos teñas para sustentar a denuncia, máis posibilidades terás de que se recoñeza o plaxio.
  • Viraliza o plaxio. Hai casos nos que non sae a conta emprender accións legais contra o infractor. Pero podes difundir o caso entre a profesión e nas redes sociais. Unha acción viral de desacreditación ben orquestrada pode dar bos resultados. (Ollo coas maneiras: non uses descualificacións nin insultos contra os infractores, ou poderían emprender accións legais contra ti.)
  • Busca asesoramento. Pide consello a compañeiros experimentados ou comparte o caso coa túa asociación profesional. Segundo a gravidade, o alcance e o lucro da infracción hai distintas medidas que podes tomar: esixir a retirada da obra roubada, esixir indemnización, dar difusión mediática ao roubo ou emprender accións legais.
  • Acude a un avogado. Se chegaches aquí é que hai unha infracción flagrante ou prexuízo económico demostrable: paga a pena ter asesoramento legal. Unha breve reunión cun avogado experto en propiedade intelectual non che sairá custosa. Aclararache se paga a pena reclamar, e as mellores accións que se poden tomar. A primeira medida formal adoita ser un requirimento enviado por burofax aos infractores, no que se lles reclama que cesen a infracción e que deben retirar a obra ou produto de circulación.
  • Fai presión e negocia. Tanto se os contrarios responden a este primeiro burofax como se non, o avogado orientarate nas seguintes accións que podes emprender. Sempre convén buscar medidas de presión que che permitan chegar a un acordo coa parte contraria. Os procesos xudiciais acostuman ser lentos, molestos e custosos: é sabido que é mellor un mal trato que un bo xuízo.

Precaucións e prevencións

Rexistra as túas creacións nas Oficinas de Propiedade Intelectual ou en servizos online como SafeCreative. Ás veces convén rexistrar os proxectos antes de amosalos en editoriais, produtoras, axencias etc., ou antes de difundilos en internet.  Ten en conta, non obstante, que o rexistro non é unha proba irrefutable (alguén podería rexistrar igualmente un traballo que non é seu), aínda que si prevalece en caso de contradición.

Non deixes nin envíes copias ou dossieres das túas creacións a terceiros sen antes rexistralas.

Asina as túas imaxes. É recomendable que nas imaxes que subas á rede figure o teu nome , a ser posible co símbolo do copyright (©), ou o correspondente de Creative Commons, para que conste a túa propiedade intelectual en ámbitos internacionais.

Comparte e sube só arquivos a baixa resolución, para dificultar os usos non autorizados.

Nos teus presupostos ou contratos especifica detalladamente os usos e aplicacións para os que cedes o teu traballo.

 


«Todos os artistas estamos protexidos
polo dereito de autor…
e deberiamos ser os primeiros
en respectar o dereito de autor.»
Bill Cannon

 


 

Ligazóns

Youthoughtwewouldntnotice.com (plaxios gráficos en todo o mundo; en inglés)
Blog de SafeCreative 
«Qué hacer si tu obra está siendo usada sin permiso»
(artigo de Grafiscopio.com)
«Cuando Lou plagió a Nazario»
(artigo de Diego A. Manrique en El País)
Silvia Ortega e o dragón de Sant Jordi
(vídeo en Facebook)
TinEye.com
(comparador online de imaxes)