10. Infórmate, asóciate

V10_apis

A forza dos creativos freelance é a unión e a información. Un colectivo profesional informado, activo e con obxectivos comúns é un colectivo profesional máis forte. As asociacións profesionais de ilustradores traballan nesta dirección para facer valer os dereitos do ilustrador e acadar maior recoñecemento para toda a profesión.

O novo escenario

A globalización e as ferramentas dixitais reformularon os mercados e os xeitos de traballar. Algúns sectores tradicionais da ilustración afúndense mentres emerxen novas áreas, novos modelos de negocio e novas canles de difusión. A crise económica propiciou, ademais, a proliferación de creativos freelance en todo o planeta. A complexidade deste novo escenario dificulta a implantación de regulamentos globais que defendan os intereses dos creadores, especialmente no uso e monetización da ilustración nos medios dixitais. Sen regulamentos, carecemos dun apoio importante para o exercicio da profesión. E sen regulamentos, a «lóxica do libre mercado» global pode impoñer deterioracións das nosas condicións profesionais, como xa vén sucedendo coas prácticas especulativas.

A información é poder

Os mercados e as tecnoloxías adoitan ir dous pasos por diante das leis. Non é de estrañar, por tanto, que os gobernos e os lexisladores reaccionen con lentitude aos movementos e prácticas de mercado «2.0». A falta de regulamentos, os freelance precisamos intercambiar e compartir información. Somos os freelance os que debemos actuar en común para trazar os regulamentos que defendan o noso traballo e os nosos dereitos. Para iso é indispensable compartir información útil e preventiva: información ninja (sobre as tendencias de prezos e de mercados, as leis —e os sus baleiros—, sobre clientes tóxicos, novas prácticas abusivas, tratados comerciais e corporativos, fiscalidade doutros países e mercados, sobre novas infraccións dos nosos dereitos etcétera). A información é poder, o poder dos freelancers.

O traxe novo do ilustrador

Neste novo ecosistema de mercado, atopar traballo pode ser algo máis complexo que o clásico paseo ou envío de portafolios. Acadar encargos ou vetas de traballo pasa en moitos casos por ampliar o radio de acción (novas áreas de traballo, mercados exteriores) e potenciar as capacidades de márketing e negociación. O ilustrador está a asumir máis ca nunca distintos roles e tarefas: pode ser o social manager, editor, axente, produtor, deseñador, investigador de mercados etc., da súa propia miniempresa. Os nichos tradicionais son agora máis escasos, pero a cambio é máis factible crear o teu propio nicho. Agora ben, o ilustrador que queira inventar o seu oco precisa a información e as capacidades adecuadas, ou en vez de facerse un nicho pode caer nun buraco ;-).

Reino de taifas

Tradicionalmente a actitude laboral do ilustrador veu marcada por un fondo individualismo: profesionais solitarios que sempre foron por libre sen ter demasiada interrelación co seu gremio profesional. Esta tendencia de illamento veu cambiando nas últimas décadas coa chegada de internet, que propiciou a aparición de foros, plataformas e comunidades profesionais. Paralelamente tamén se asentou o movemento asociativo, que en España comezara en 1981 coa creación da asociación catalá, APIC, e en Galicia, coa fundación de AGPI no ano 2000. As redes sociais e as plataformas de petición colectiva son benvidas pero non abondan por si soas: é necesaria unha coordinación e unha folla de ruta que só as asociacións profesionais son capaces de artellar. Un compromiso que vai máis alá do «like» en internet.

TIP10_apis_b

As asociacións profesionais

A misión das asociacións profesionais é exercer a defensa conxunta da profesión, e mellorar as condicións e o recoñecemento profesionais. Para conseguir isto, as asociacións ofrecen:
– asesoramento, información e formación contractual
– orientación a estudantes e novos socios
– promoción dos seus membros (a través de webs, catálogos, exposicións, participación en feiras, bolsas de traballo…)
– publicación de informes profesionais
– organización de xornadas, eventos e cursos.
Ademais, as asociacións traballan con outras entidades no ámbito nacional e internacional para acadar melloras comúns e actuar como interlocutores cos órganos institucionais (gobernos, lexisladores) e outros axentes do sector (editores, industrias culturais, entidades de xestión etc.).

A modo de conclusión

Paradoxalmente, podes desfrutar de moitos logros das asociacións aínda que non sexas socix. Pero só dando un apoio efectivo poderás conseguir que estes logros permanezan no tempo e vaian consolidándose. Non é só cuestión dos beneficios directos que poderás obter. Tamén conta o compoñente de orgullo gremial e o feito de que ninguén está a salvo dos novos problemas que seguen asexando a profesión día tras día: nin sequera os autores máis consolidados poden evitar que unha caída xeneralizada dos prezos os afecte no seu traballo. Para iso, cómpre coñecer de primeira man todo o que pasa, e facer fronte aos problemas con estratexias comúns. Todxs necesitamos o apoio de todxs para manter e mellorar a saúde (e o futuro) da profesión.

 


«Quen actúa illadamente, carece de estratexia
e toma á lixeira os seus adversarios
inevitablemente acabará sendo derrotado.»
Sun Tzu (‘A arte da guerra’)

 


Ligazóns

«El ilustrador y su colectivo profesional» (artigo do Nuevo libro blanco, PDF)
Pro-Action.org (plataforma de defensa dos ilustradores británicos, AOI)
«What the Future Holds for Illustration» (artigo de John O’Reilly en CreativeBloq.com)

1 thought on “10. Infórmate, asóciate”

Comentarios pechados.