É imprescindible que o ilustrador coñeza os seus dereitos e que os faga valer. A Lei de propiedade intelectual española (LPI) establece que un autor é titular dos dereitos da súa obra (tanto se é un proxecto propio coma se é un encargo) polo simple feito de creala. O dereito de autoría é un instrumento esencial para protexer e xestionar as nosas creacións.
Tipos de dereitos sobre as creacións
• Dereitos morais: perténcenche exclusivamente a ti, polo feito de seres o autor/a. Son intransferibles e irrenunciables, e están vinculados á túa persoa. Estes dereitos permítenche (entre outras cousas) decidir se queres que a túa obra sexa divulgada ou non e de que maneira; escoller se queres publicar co teu nome, con pseudónimo ou de forma anónima; esixir seres recoñecido como o autor/a da túa obra; esixir que se respecte a integridade da túa obra; modificar a túa obra; e acceder ao exemplar único da túa obra.
Canto duran? Ata a morte do autor ou autora, excepto o dereito de ser recoñecido como autor da obra e o respecto á integridade desta, que permanecen.
• Dereitos patrimoniais: permiten explotar comercialmente a obra. É moi importante coñecelos e saber cales convén ceder para ter un mellor control e xestión da túa obra nun futuro. Segundo a LPI, o autor debe percibir un beneficio proporcional á explotación da obra que cede (canta máis explotación, máis remuneración).
- Reprodución: a fixación da obra en calquera soporte que permita a realización de copias.
- Distribución: a venda, alugueiro ou préstamo da obra ao público.
- Comunicación pública: a difusión da obra sen necesidade de darlle unha copia a cada persoa (p. ex., a proxección dun filme).
- Transformación: o dereito a traducir a obra, a adaptala a outro formato ou a modificala (p. ex., a adaptación dunha BD a videoxogo).
- Colección: o dereito a recompilar as obras e difundilas noutro soporte (p. ex., un libro recompilatorio de carteis).
Canto duran? En España, toda a vida do autor e ata 70 anos despois da súa morte; a partir dese momento, a obra pasa a dominio público. Excepción: para os autores mortos antes de 1987, a protección é de 80 anos.
Símbolos e licenzas
As licenzas indican as condicións baixo as que permitimos que se difunda a obra. Poden expresarse a través de símbolos.
Copyright (©), todos os dereitos reservados. Este símbolo indica que quen queira compartir a túa obra ou usala para algo deberá pedirche antes permiso. O seu uso non é obrigatorio, mais serve como indicación para que os demais saiban que todos os dereitos están reservados.
Licenzas Creative Commons (CC). Son licenzas que facilitan o uso, a transformación, a difusión ou a explotación dunha obra sen necesidade de conceder permisos individuais. Existen diferentes tipos, en función dos dereitos que se reservan e se ceden.
Aspectos esenciais nun contrato de cesión de dereitos
- Dereitos que se ceden: debemos decidir cales temos que ceder segundo o tipo de proxecto.
- Modalidades de cesión: temos que indicar para que modalidade(s) permitimos a reprodución do traballo.
- Ámbito territorial da explotación: rexional, estatal, internacional… Tamén se poden acordar ámbitos definidos polo idioma (p. ex., «países de fala hispana»). Neses outros ámbitos, a A LPI indica que a falta de mención do ámbito territorial limita a transmisión ao país en que se realice a cesión.
- Período de explotación: é o prazo de cesión. En España, as cesións para contratos de edición non poden exceder os 15 anos (10 se cobramos a tanto alzado). Noutros ámbitos, non existe limitación legal, mais é importante fixala igualmente. A LPI indica que a falta de mención do tempo limita a transmisión a cinco anos.
- Remuneración. As obras suxeitas a comercialización (álbum ilustrado, novela gráfica…) adoitan cobrarse coa fórmula dos royalties (porcentaxe por cada copia vendida). No sector do libro, a porcentaxe máis habitual para os autores é un 10 % sobre o PVP sen IVE. Convén esixir sempre o cobramento dun adianto sobre os royalties. As obras con explotación non suxeita á venda (cartel, publicidade etc.) adoitan cobrarse calculando un tanto alzado, que sempre debe estar proporcionado á súa explotación. A LPI recolle (art. 46) cando é posible fixar unha retribución a tanto alzado.
- Exclusividade (opcional). Se cedemos en exclusiva, debemos recollelo por escrito. Isto outórgalle ao cesionario a facultade de explotar a obra con exclusión de calquera outra persoa, incluídos nós mesmos.
Rexistrar a túa obra
Non precisas rexistrar as túas obras para que se recoñeza a túa autoría. Xa obtés a propiedade intelectual da obra polo simple feito de creala. Non obstante, o rexistro pode ser útil para demostrar a túa autoría en caso de plaxio ou de conflito.
O dereito de autor non protexe as ideas, senón a súa plasmación concreta nun soporte, sexa tanxible ou intanxible. Podes rexistrar as túas creacións presencialmente ou por vía electrónica en calquera das oficinas do Rexistro da Propiedade Intelectual, ou en rexistros privados como SafeCreative.org (son igualmente válidos, poden resultar máis económicos e permiten atribuír distintos tipos de licenzas).
Os teus dereitos como autor son compatibles, acumulables e independentes doutros dereitos, como os da propiedade industrial. Se estás pensando en crear unha marca e queres ter o dereito exclusivo a usar un determinado nome, debes solicitar o rexistro na Oficina Española de Patentes y Marcas (OEPM). Na propiedade industrial, o rexistro é obrigatorio para desfrutar dese dereito exclusivo. Tamén é posible rexistrar a túa marca para ámbito comunitario ou internacional.
Claves
- Nunca cedas en bloque todos os dereitos patrimoniais dunha obra. Restrinxe os usos e ámbitos para os que a cedes, e mantén o resto de dereitos baixo o teu control.
- É recomendable rexistrar os proxectos antes de mostralos en editoriais, produtoras, axencias etcétera.
- Ao difundires en internet as túas obras, pon ben visible o teu nome e indica se están todos os dereitos reservados (©) ou están compartidos baixo licenzas Creative Commons.
«Lembra que non se protexen as ideas, senón a súa plasmación.»
Firmadopor.com