A forza dos creadores freelance é a unión e a información. Un colectivo profesional informado, activo e con obxectivos comúns é un colectivo profesional máis forte. As asociacións profesionais de ilustradores traballan nesta dirección para facer valer os nosos dereitos e intereses.
A información é poder
O mercado e a tecnoloxía seguen dous pasos por diante da lei. Os gobernos e os lexisladores reaccionan con lentitude ás manobras do mercado «3.0» e a novas prácticas abusivas. Á falta de regulamentos, os freelance precisamos comunicarnos e compartir información. Debemos actuar en común para trazar e reclamar regulamentos que defendan o noso traballo e os nosos dereitos.
Despois da covid-19
A pandemia acelerou os modelos dixitais de traballo, consumo e ocio. No referente ao mercado, a expansión dos medios dixitais trae un auxe da ilustración animada e de sectores como o videoxogo, a animación, a infografía, as apps ou a RV. En contrapartida, a sobreabundancia dixital fai que o físico, o presencial e o artesanal gañen aura e interese.
IA
A irrupción das intelixencias artificiais gráficas suscita serios retos, imposibles de abarcar nesta guía. Alén do que poden chegar a facer as IA, non se debe pasar por alto o que fan as empresas que as desenvolven. Modelos comerciais como Midjourney ou Stable Diffusion «adestráronse» con millóns de obras protexidas por copyright sen permiso nin coñecemento dos autores. Esta práctica opaca e abusiva enriquece unhas poucas empresas á custa dos ilustradores e potencia unha competencia desleal. Desde 2022, asociacións de concept artists e ilustradores reclaman regulamentos que nos permitan aos creadores controlar a inclusión da nosa obra nas IA. (Ollo: contrariamente aos modelos gráficos, certas IA musicais «adéstranse» só con obras libres de dereitos cedidas voluntariamente. Estas dúas varas de medir evidencian que precisamos defendernos máis e mellor.)
Como surfar neste escenario?
É previsible que as máquinas vaian substituíndo os ilustradores nos traballos de perfil baixo. Competir no aspecto técnico coa tecnoloxía é unha batalla perdida, e isto obriga a reformular o que debe e o que pode ofrecer o ilustrador no aspecto creativo. O escenario require estratexia e iniciativa.
O ilustrador-marca (cunha voz e un estilo propios e consistentes, que pode levar a múltiples campos) ten cada vez mellor acollida. Por outra banda, o teletraballo fai posible o acceso aos sectores en alza baseados no traballo en equipo (animación, videoxogos etc). Tamén convén explorar o abano de fontes de ingresos (produtos, servicios, autoedición, formación, rendementos pasivos etc.). Sexa cal for o teu perfil, estas pistas ninja poden serche útiles para surfar na profesión:
- Os dereitos de autor son o teu activo máis valioso.
- Colle cintura en marketing e negociación.
- Ofrece un plus co que non poidan competir as máquinas.
- Amplía o teu radio de negocio. Diversifica as fontes de ingresos.
- Busca ou inventa os teus nichos.
- Sementa cos proxectos propios, colleita cos encargos.
- Cando o dixital é ubicuo, o obxecto físico é un fetiche.
O movemento asociativo
Os ilustradores non temos posibilidade de formar sindicatos ou colexios oficiais para defender as nosas reivindicacións. O movemento asociativo xorde para paliar estas carencias do noso sector.
Tradicionalmente, a actitude laboral do ilustrador veu sendo moi individualista. Foi mudando coa chegada de internet, que propiciou a aparición de foros, plataformas e comunidades profesionais. O movemento asociativo moderno en España arrincou en 1981 coa creación da asociación catalá, APIC. En Galicia, a AGPI fundouse no ano 2000. Cinco asociacións profesionais autonómicas conforman a FADIP (Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales), que actúa como interlocutor coas institucións e órganos de goberno estatais na procura de melloras para o sector, e, a través desta, no EIF (European Illustrators Forum).
O estatuto do artista
A plataforma SOS Sector Gráfico (integrada por FADIP e outras asociacións profesionais) elaborou a proposta do Estatuto do Artista, unha axenda de medidas intersectoriais orientadas a acadar un marco laboral, legal e fiscal que protexa os creadores. Esta folla de ruta aprobouna en 2018 o pleno do Congreso dos Deputados. Desde 2022, algunhas medidas xa están en vigor e é esperable que as restantes vaian chegando progresivamente.
O todo é máis que as partes
Podes desfrutar de moitos logros das asociacións profesionais aínda que non sexas socix. Porén, só dando un apoio efectivo contribuirás a que estes logros vaian consolidándose. Lembra que ninguén está a salvo dos problemas que afectan a profesión día tras día. Algúns problemas pódense sortear de xeito individual, pero a maioría deles só se poden afrontar colectivamente e usando estratexias en común. É necesaria unha coordinación e unha folla de ruta que só as asociacións profesionais son capaces de articular. O Estatuto do Artista e a regulación das IA son dous claros exemplos.
«Quen actúa illadamente, carece de estratexia e toma á lixeira os seus adversarios inevitablemente acabará sendo derrotado.»
Sun Tzu (‘A arte da guerra’)