Ninguén entra nun restaurante preguntando se lle dan de xantar gratis. En cambio, aos ilustradores —tanto noveis como consolidados— pídeselles a miúdo que traballen sen cobrar. Isto está a suceder en case todas as profesións creativas (ilustradores, músicos, escritores, fotógrafos etc.). Os ilustradores que toman en serio a súa profesión non deben traballar gratis. Ou, cando menos, non deben traballar a cambio de nada.
Trending Topic #Gratis
No libro A morte do artista, William Deresiewicz analiza o proceso de amateurización da cultura e a información na era dixital. Millóns e millóns de persoas creamos, compartimos e consumimos contido gratuíto nas redes e plataformas. Este caldo de cultivo facilitou a proliferación de prácticas especulativas, chegando a un punto en que algúns medios (e mesmo grandes editoriais) comezaron a pedir colaboracións sen pagar, estendendo unha práctica nociva para a subsistencia de moitos freelancers.
«Traballar para o inglés»
É habitual que os ilustradores principiantes acepten encargos gratis para engrosar os portfolios, coller experiencia ou gañar visibilidade. Pero estas razóns non xustifican que regales traballo a clientes ou empresas alleos a ti. E se son clientes de certa envergadura, menos aínda. Pode que un pequeno negocio do teu barrio ande xusto para pagarche, pero unha mediana ou grande empresa si pode permitirse pagar os servizos dun ilustrador.
Só traballo gratis… nestes casos
É admisible colaborar gratis en casos puntuais nos que teñas implicación ou proximidade: eventos culturais autoxestionados, fanzines, pequenos negocios de amigos, activismo etc. E, naturalmente, os proxectos persoais sempre son un bo obxectivo ao que dedicar o teu tempo e a túa enerxía. Neste senso, ten en conta que hoxe temos acceso a medios de produción, difusión e monetización que non tiñan os ilustradores de anteriores xeracións.
Se non teñen cartos poden pagar igual
Ante un encargo que non se paga —ou mal pagado—, tes a priori dúas opcións: aceptalo ou rexeitalo. Pero hai outras alternativas, como o pagamento en especie. Por exemplo: un bar quere un cartel para unha festa? Pode pagarche con consumicións, entradas para concertos etc. Unha libraría quere que ilustres o seu escaparate? Pacta un pagamento en libros.
O intercambio ou pagamento en bens e servizos é unha alternativa razoable. Moitos clientes (sobre todo os pequenos) son receptivos a estes trocos. Tamén pode negociarse un pago mixto: parte en especie e parte en cartos. A cuestión é acadar tratos equilibrados e, sobre todo, que valoren o que fas.
Contos e cantarelas
- O conto da promoción. «Somos unha empresa con gran proxección e o teu traballo chegará a moita xente». Non faltan os clientes que piden colaboracións gratuítas a cambio de «visibilidade». O conto de sempre. Pois ben, cada vez hai máis casos en que o ilustrador ten máis seguidores nas redes que o cliente ;-P.
- Confía en min, que imos triunfar. Moitos emprendedores artellan negocios sen contratar servizos profesionais, preferindo captar «socios» ou partners que capitalicen o seu traballo. O clásico «Faimo, que xa che pagarei cando se venda», pero en cool. Isto non deixa de ser unha práctica especulativa. Podes confiar no cliente? Asegúrache datos fiables de vendas e beneficios? Neste tipo de propostas «capitalizadas» non só se deben pactar royalties: pídelle ao cliente un adianto para que demostre seriedade e compromiso contigo.
- Todos colaboran sen cobrar. Algún cliente dirache que conta con x persoas dispostas a colaborar gratis no seu proxecto. Pregúntalle se a imprenta tampouco vai cobrar.
Fame para hoxe, miseria para mañá
Ata onde estamos dispostos a regalar (ou malvender) o noso traballo é cousa de cada quen. Pero antes de aceptares un traballo sen remunerar, lembra que podes prexudicar outros profesionais e contribúes a precarizar toda a profesión (incluíndote a ti).
Claves
- A vaquiña polo que vale. Se fas un encargo gratis para alguén próximo (un familiar, un veciño…), preséntalle unha factura co prezo real do proxecto cun desconto aplicado. Así farás máis visible o valor real do teu traballo.
- My way or the high way. Valora se che compensa facer encargos gratis cando podes investir ese tempo en botar adiante os teus propios proxectos.
«Se eu quixese traballar gratis, sería voluntario, non ‘freelance’.»
Anónimo (póster de Erik Spierkermann)
LIGAZÓNS
Bibliografía
William Deresiewicz: La muerte del artista. Cómo los creadores luchan por sobrevivir en la era de los billonarios y la tecnología. Capitán Swing, 2021