9. Os papeis do ilustrador

Como todo profesional freelance que desenvolve a súa actividade en España, o ilustrador debe asumir unhas condicións burocráticas, fiscais e de cobertura sanitaria bastante áridas e incómodas. Neste post resumimos estas condicións e deixamos algunhas recomendacións para que levar os papelames non se che converta nun viacrucis.

1. Autónomos e IAE

Hai que darse de alta?

A lei obriga a darse de alta en Facenda e na Seguridade Social a toda persoa que vaia exercer unha actividade económica. Non existen excepcións. Porén, se a túa actividade non é habitual e os teus ingresos anuais son inferiores a aproximadamente o salario mínimo interprofesional hai a posibilidade de facturar ser darte de alta no réxime de traballadores autónomos; unha sentenza do Tribunal Supremo de 1997 avala este criterio, pero segue sen corresponderse co que considera a propia Seguridade Social. Como solución provisional pode servirche, pero tendo sempre en conta que non estarías nunha situación totalmente correcta (máis información nas pp. 35-36 Nuevo libro blanco).

Unha opción practicada por moitos autónomos cando a súa actividade é esporádica é darse de alta na Seguridade Social só nos meses correspondentes a esa actividade. Non obstante, usar ese truco para só emitir facturas nos meses de alta comporta risco de inspección e a correspondente sanción, con pagamento de meses atrasados. Á parte, claro está, non se debe esquecer que as altas e baixas continuas afectan as prestacións e mesmo poden facer que quedes sen cobertura sanitaria.

Facturar a través dunha cooperativa

Nos últimos anos xurdiu tamén a opción das «cooperativas de facturación», sociedades que che ofrecían facerte membro para que facturasen por ti (por cada factura daríante de alta uns días na Seguridade Social como se foses persoa asalariada, e cando cobrasen a factura reembolsaríanche o diñeiro restando a súa comisión pola xestión). Presentábase como unha boa solución para traballos esporádicos, pero en xeral saían máis caras que ser autónomo. Ademais, ao só darte de alta uns días ao mes, as túas prestacións tampouco eran as mesmas que ao estares de alta de forma continuada.

Moitos expertos amosaron dúbidas sobre as prácticas destas entidades, que forzaban o sentido orixinal dunha cooperativa. A Administración comezou a reclamar aos membros dalgunhas cooperativas as sumas das cotas non pagadas á Seguridade Social durante o tempo que estiveron utilizando este tipo de servizo, por consideralo unha fraude á Seguridade Social.

Naturalmente, non hai ningún problema en formares parte dunha cooperativa (de traballo asociado ou doutro tipo) para desenvolver o labor como profesional da ilustración, pero sempre que se trate dunha cooperativa real, non dun simple instrumento para a facturación.

Como darse de alta como autónomo

Desde a entrada en vigor da Lei 6/2017 (Lei de reformas urxentes do traballo autónomo), o proceso de alta variou con respecto ao que era habitual. O primeiro paso é acudir á Tesourería Xeral da Seguridade Social, obter o número de afiliación e darse de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA).

Podes darte de alta de forma presencial, cubrindo o modelo TA0521, e podes facelo tamén na sede electrónica da Seguridade Social. Todos os autónomos están obrigados a xestionar por vía electrónica os trámites relacionados coa afiliación, a cotización e a recadación de cotas, e terás que entrar na sede electrónica para recibir as notificacións e comunicacións.

Despois hai que ir á Axencia Tributaria para te inscribires no censo de profesionais co impreso modelo 037 (podes compralo alí, descargalo de balde na súa web para entregar en persoa ou cubrilo por internet con certificado dixital). A epígrafe do IAE que corresponde aos ilustradores é a 861 da sección segunda (actividades artísticas). Os profesionais está exentos de pagar o imposto de actividades económicas.

O rexistro na Seguridade Social terá que facerse sempre no período de 60 días anterior á alta como profesional na Axencia Tributaria; tamén podes tramitar a alta en ambos os organismos o mesmo día, pero sempre primeiro na Seguridade Social. A data de alta na Seguridade Social nunca pode ser posterior á data de alta en Facenda.

Lembra que a partir da túa primeira alta como autónomo na Seguridade Social xa non poderás emitir facturas con datas fóra dos períodos de alta. O prazo para presentar as baixas é de tres días.

TIP9_papeis_2020b

2. O IRPF

Unha vez que estás de alta, xa podes emitir facturas. Tes diversos modelos de factura, pero nelas sempre teñen que figurar:
Todos os teus datos fiscais
Os datos fiscais do cliente
O número de factura (consecutivo, dentro do ano en curso)
A data de emisión
(ademais do concepto e do importe).
As facturas deben indicar a retención do IRPF que se debe aplicar. Actualmente é do 15%. (Para novos autónomos en actividades profesionais, a retención é agora só do 7% dentro do ano en que se dan de alta e os dous seguintes.)

3. O IVE

Os traballos de ilustración consistentes na cesión de dereitos de autor (é dicir, a práctica totalidade) están exentos de IVE. Os traballos de deseño gráfico, en cambio, si levan IVE: a efectos fiscais a ilustración non é considerada como servizo profesional, senón como unha cesión dunha creación a cambio dunha contraprestación. Pero, ollo, a venda de orixinais ou aplicacións dunha ilustración (unha postal, unha camiseta) si debe levar IVE.

Se só realizas traballos exentos de IVE, indícao no modelo 037 de alta censual, e non terás obriga de presentar declaracións de IVE. Nas facturas de traballos exentos de IVE é recomendable incluír o texto «Operación non suxeita a IVE polo artigo 20.Un.26.º da lei 37/1992».

4. A declaración da renda

Cando tes obriga de declarar

Se es freelance (é dicir, realizas as túas actividades económicas por conta propia, e estás dado de alta en Facenda) tes sempre a obriga de presentar a declaración da renda, independentemente de cales sexan os teus ingresos.

Os datos fiscais

Se os solicitas para cubrir a declaración, a Axencia Tributaria envíache os teus datos fiscais do exercicio. Os datos fiscais recollen:
— A lista dos pagamentos que che liquidaron os clientes
— As correspondentes retencións de IRPF deses pagamentos.
— Algunhas actividades que poden vir reflectidas como rendementos de traballo.
— A túa cotización no réxime de autónomos.
Se non che chegan por carta, podes descargar os teus datos fiscais na web da AEAT. Revisa sempre os datos, porque se falta algo ou a información non é correcta, ti es responsable de que figuren ben na túa declaración.

Gastos deducibles que podes meter na declaración

En xeral o ilustrador freelance declara gastos e ingresos na modalidade «actividades profesionais en estimación directa». Aí pódense incluír gastos directamente relacionados coa actividade, como:

  • Seguridade social a cargo da empresa: as túas cotas de autónomos.
  • Consumos de explotación: material de debuxo e oficina, fotocopias e impresións, alugueiro de espazo de traballo (se é distinto da túa vivenda; se non, só a parte correspondente do alugueiro), portes e envíos, subministracións contratadas para o traballo (internet, teléfono).
  • Profesionais independentes: gastos en servizos profesionais: xestores, avogados…
  • Outros servizos exteriores: hosting e dominios web, publicistas, maquetadores, deseñadores web, fotógrafos…
  • Outros conceptos exteriores: libros e documentación, desprazamentos a cursos e congresos, cotas de afiliación a asociacións profesionais…
Presentación da declaración

Se a declaración che sae negativa («para devolver») entrégaa por vía electrónica. Facenda adoita pagar bastante rápido, en poucas semanas. Entregándoa en papel na túa sucursal bancaria tardas bastante máis en recibir o importe.

5. Para aforrar paseos, colas e estreses

Actualmente moitos trámites presenciais na axencia tributaria requiren cita previa. Por esa razón é recomendable facer os trámites por vía electrónica. Para iso debes solicitar un certificado electrónico, obter unha clave PIN ou activar o teu DNI para xestións electrónicas.

 


«Os autónomos non enferman xamais:
non lles queda outra.
»
Proverbio ‘freelance’

 


 

Ligazóns

«El ilustrador ante la Administración» (artigo do Nuevo libro blanco, PDF [atención: os aspectos relativos ao proceso de alta incluídos no artigo quedaron modificados pola Lei 6/2017])
«Ilustración: vendas e impostos»
Sede electrónica da Axencia Tributaria
Sede electrónica da Tesourería da Seguridade Social