En toda práctica especulativa, o ilustrador recibe moito menos do que dá (ou non recibe nada). Spec work («traballo especulativo») é calquera tipo de traballo entregado por creativos a clientes sen teren asegurado o pago por ese traballo. Os concursos especulativos ofrecen premios inferiores ao beneficio de explotación dos traballos, ou impoñen condicións abusivas. Estas prácticas desvalorizan o traballo do ilustrador e prexudican a toda a profesión.
‘Crowdsourcing’
A «externalización masiva» é unha modalidade de spec work moi estendida na década dos 2010. Son convocatorias abertas para realizar un encargo. Entre as numerosas propostas, o cliente escolle unha que recibe o pagamento (escaso e que por riba che venden como premio).
Plataformas de crowdsourcing como 99designs, Adtriboo ou Designcrowd atraeron clientes aproveitando unha tendencia de prezos «á baixa» alentada pola sobreoferta de ilustradores no mercado global. As «cenorias» spec work atraeron a creativos «júnior», afeccionados ou acabados de chegar que aplicaban todos os seus esforzos sen teren garantido beneficio ningún, ás veces co único incentivo da «visibilidade».
Concursos especulativos / non-éticos
Abundan os concursos —sobre todo desde o sector corporativo — que impoñen condicións abusivas ou ofrecen premios non proporcionais ao beneficio obtido pola empresa, marca ou organismo.
- O Concurso Adobe – Billie Eilish suscitou fortes críticas en 2022. O xigante do software e a cantante lanzaron un concurso a escala global para deseñar o merchandising oficial dunha xira mundial de Eilish. A dotación do premio era aceptable (10 000 $), pero (ollo) o organizador reservábase o dereito de explotar todas as propostas non premiadas. Deste xeito, milleiros de fans/participantes regalaron un enorme capital de creatividade gráfica.
- Un certame organizado por Planeta en 2014 para deseñar unha cuberta de libro recibiu protestas de millares de profesionais do estado. O premio era a mera publicación da obra premiada (!) a cambio da explotación global e indefinida.
- Un concurso de ideas de Moleskine en 2011 reservábase o uso da obra gañadora en todo tipo de soportes, medios e produtos da marca.
- Alén das prácticas «spec», outra moda estendida son os concursos por votación popular (sistema arbitrario, fácil de trampear e lonxe de garantir a calidade da obra premiada). A Feira do Libro de Alacante lanzou en 2017 un concurso de carteis con voto popular por Facebook. Foi obxecto de boicot masivo por parte dos ilustradores.
Outras prácticas especulativas
Start-ups que piden traballo capitalizado que só se cobra se o proxecto ten éxito (ver capítulo 2, «Non traballo gratis»).
Brandwashing (lavado de imaxe das marcas). Certas marcas (algunhas de moita envergadura) piden con total desvergoña colaboracións gratuítas ou mal pagadas escudándose en causas nobres («promover a ecosostibilidade», «iniciativa solidaria con…», «apostar polos creadores emerxentes» etcétera).
Por que desaconsellamos participar en prácticas especulativas
- Fan depreciar as nosas tarifas. Se aceptas deseñar un cartel ou logotipo para unha grande empresa por unha miseria, non agardes cobrar mellor por un traballo similar no futuro. Pola contra, axudas a crear precedentes para que no futuro ninguén poida cobrar dignamente.
- Desvalorizan a profesión. Unha convocatoria aberta supón un enorme gasto de tempo e traballo de balde (o de todos os participantes…, agás un). E non garante unha calidade mínima dos traballos; antes ben, ao contrario: como dixo Milton Glaser, «é imposible escoller un bo deseño entre mil deseños».
- Aceptas condicións que desprotexen o teu traballo. Nestas convocatorias, non adoita haber contratos ou acordos que regulen o uso do traballo premiado: cedes a túa creación, permites cambios ou deixas que a súa explotación sexa moi superior aos teus «honorarios».
- O spec work degrada as relacións profesionais, converténdoas en concursos low-cost.
Claves
- Alerta os compañeiros e as asociacións profesionais das prácticas e convocatorias especulativas que cheguen a ti.
- As asociacións profesionais revisan as bases dos concursos de ilustración do seu territorio. Contactan co organizador para sinalarlle as condicións inadecuadas e ofrecerlle asesoramento. Cando o concurso é claramente abusivo, promóvese directamente a non-participación.
«Especular = propoñerlle sexo a todo o mundo prometéndolle unha cea ao afortunado gañador.»
Jeffrey Zeldman