Os contratos formalizan xuridicamente as relacións profesionais, regulando o uso que cedes do traballo e o beneficio que percibes. Por tanto, hai que familiarizarse coa lexislación, os dereitos de autor e a terminoloxía contractual. Algúns ilustradores traballan con axentes, pero a maioría dos profesionais do sector somos os nosos propios managers. Non ter claro o que asinas nun contrato só te pode prexudicar a ti.
Definición de contrato
Os contratos xeran unha serie de efectos xurídicos, obrigas e dereitos para as partes, que de xeito voluntario se someten ao pactado. A LPI (Lei de propiedade intelectual) indica que o contrato de edición debe ter forma escrita, así como un contido mínimo (art. 60). É aconsellable estender o uso do contrato a todos os sectores da ilustración que nos sexa posible (segundo o art. 45, toda cesión debe formalizarse por escrito).
A cada cesión, o seu contrato
É fundamental diferenciar os distintos usos e cesións de dereitos para manteres o control sobre o que cedes e o que non cedes. Por exemplo: ao pactar un contrato de edición dunha novela gráfica, non é recomendable ceder os dereitos de edición a outros idiomas, nin os dereitos de transformación (animación, cinema, televisión, videoxogos…), nin os dereitos de merchandising. Cada uso diferenciado debe ter o seu contrato, tal como establece a LPI (art. 57).
Antes de asinares o contrato
- Non corras a asinar. Toma o teu tempo para revisalo. Ninguén asina un contrato o mesmo día en que llo poñen na mesa.
- Revisa con lupa as cláusulas e condicións. Atención á letra pequena: poden aparecer cláusulas reviradas ou ambiguas. Ollo cos eufemismos e a xerga business. Ante a dúbida, é mellor non asinar e propoñer cambios na redacción. Se encontras puntos confusos, pídelle ao cliente que chos aclare.
- Ten claro o que cedes e o que non cedes. Presta moita atención aos ámbitos da explotación (xeográfico, temporal, lingüístico, usos, soportes), e a se a remuneración é axustada a esa explotación. Cede os dereitos para usos, períodos e ámbitos ben concretados e delimitados, e reserva para ti os restantes tipos de explotación. Nunca cedas en bloque todos os dereitos de explotación dunha mesma creación.
- Asesórate. Consulta nas asociacións profesionais ou amósalles o contrato a compañeiros experimentados. Tamén podes cotexar o contrato cos modelos de contratos do Nuevo libro blanco. Se tes que lidar cun contrato complexo, acude a un avogado experto en dereito de autor.
Ollo! Cláusulas abusivas
Algunhas condicións abusivas atopadas en contratos reais, que debes rexeitar sempre:
«As obras pasarán a formar parte do banco de ilustracións do grupo editorial.»
Esta condición figura a miúdo en contratos de edición de libro escolar. Non se debe ceder traballo para reutilizar indiscriminadamente a cambio de nada. Por cada novo uso, correspóndenos unha nova retribución.
«Unha vez finalizado o contrato, o editor terá dereito de adquisición preferente para a explotación da obra.»
Debemos evitar os acordos de adquisición preferente para ter un maior control á hora de decidir con quen queremos publicar o noso traballo. Se non é posible eliminar a cláusula, é interesante limitala no tempo. Tamén hai que evitar renovacións automáticas por períodos iguais ou moi amplos.
«O autor/a cede en exclusiva os dereitos de explotación para calquera soporte coñecido ou por coñecer.»
Non é necesario ceder todos os dereitos de explotación para a publicación da nosa obra. Ademais, a LPI (art. 43.5) indica que a explotación non alcanza as modalidades de uso ou medios de difusión inexistentes ou descoñecidos no momento do acordo.
«O autor cede a súa obra en exclusiva durante todo o tempo de protección dos dereitos.»
Ollo: ese «tempo de protección dos dereitos» é un período moi longo! A cesión dos dereitos debe ser equilibrada no tempo e acorde á retribución recibida.
Alternativas aos contratos
En publicidade e sectores afíns, son máis habituais os presupostos, que poden (e deben) incluír condicións (ámbitos e usos de explotación, prazo de pagamento, correccións incluídas no prezo etc.). O cliente debe aprobar o presuposto por escrito, ben asinando o documento ou ben dándolle o visto e prace vía email (conserva eses correos electrónicos: teñen validez xurídica se as cousas se poñen complicadas).
Claves
- Ten á man modelos de contrato. Moitos editores/clientes mandan un contrato para que o revises e negocies. Noutros casos preferirás ou precisarás redactalo ti partindo dun modelo. Cando uses contratos tipo, adáptaos ao teu cliente, ao pactado con el e ao tipo de encargo.
- Esixe que te acrediten ben. Se ilustras libro, é tan importante que te acrediten na cuberta como nos metadatos comerciais do produto. Lémbrallo ao teu editor.
«Non consegues o que mereces, consegues o que negocias.»
Lindsay Van Thoen