Non hai freelance que non tivese que batallar cun cliente que non paga ou paga tarde de máis. Nalgúns casos, reclamar unha factura non pagada é sinxelo, pero noutros pode acabar sendo unha dor de moas. Se non queda máis remedio, veraste obrigadx a acudir a un avogado, pero antes podes dar unha serie de pasos para acadar o pagamento.
Prazos de pagamento
Que din as leis sobre prazos de pagamento? A Lei de morosidade establece prazos máximos de pago de 60 días para as empresas privadas e 30 días para as administracións públicas, desde a data da entrega ou prestación do servizo.
Antes de reclamar
Se tes que reclamar, ten claro que é algo lexítimo. É unha situación incómoda, pero vas esixir o que che corresponde por dereito. Sé firme e non te deixes levar pola candidez: desconfía das escusas que che darán.
Asegúrate de que non é erro teu. Antes de reclamar, comproba ben os teus movementos bancarios (ás veces, as facturas pagadas pasan desapercibidas).
Recordatorios
A primeira comunicación adoita ser amigable, xa que a falta de pagamento pode deberse a un erro ou a un descoido do cliente. Se tes que insistir, comunícate co cliente de xeito asertivo, non sexas nin agresivo nin miñaxoia. Sé constante: chama cada semana ata conseguir o cobramento; non o deixes pasar, insiste para que non se «esqueza». Non aceptes escusas manidas («xusto ía chamarte hoxe», «o xestor está de vacacións»…). Tamén (se é viable) podes presentarte na empresa para falar co administrador.
Medida extraxudicial: reclamación formal
Tras chamar unhas cantas veces sen resultados, é momento de poñernos serios. Fai unha reclamación formal de pagamento por escrito, asegurándote da súa correcta recepción por correo certificado, ou mesmo por burofax. Debes indicar a cantidade exacta da débeda, o concepto e a factura á que pertence, advertindo que emprenderás accións legais en caso de falta de pagamento.
Medidas xudiciais: procedemento monitorio
Se o burofax non tivo éxito e non conseguiches que o cliente pague a súa débeda, podes optar pola vía xudicial e interpor unha reclamación a través dun procedemento monitorio. É un procedemento moi sinxelo e rápido, ideado para reclamar débedas monetarias. O requisito para interpoñelo é que a débeda que esteamos reclamando sexa determinada, vencida e esixible. É válido para reclamar calquera cuantía e pódese solicitar sen estar asistido por un avogado. Non obstante, hai que ter en conta que no caso de oposición pola outra parte e se a débeda supera os 2000 euros, precisaremos de axuda profesional para a siguiente fase, o xuízo declarativo.
Este procedemento podes interpoñelo presencialmente perante os órganos competentes do domicilio do demandado, ou telematicamente a través do servizo de presentación de escritos da sede electrónica do Ministerio de Xustiza (tes máis información sobre este procedemento nas ligazóns deste artigo). Sexa como for, para enfrontáreste a un procedemento monitorio é recomendable consultares cun avogado especializado.
PARA CURÁRESTE EN SAÚDE
- Antes de aceptares encargos de clientes que non coñeces, pide referencias a outros ilustradores.
- Nos teus orzamentos ou contratos fixa claramente as condicións de cobramento para poderes reclamar se fose necesario. Especifica:
– A data (ou datas) de pagamento
– A forma (anticipo, á entrega, a 30 días…)
– O medio (transferencia, efectivo, Paypal…) - Unha vez entregado o traballo, emite e envía a factura canto antes.
- Nos encargos de novos clientes particulares, é recomendable pedir un anticipo.
- Infórmate das distintas medidas na túa asociación profesional ou en asociacións de autónomos. A Vegap conta tamén cun servizo de asesoramento legal para os seus socios.
«O 30 de febreiro paga as débedas o trampulleiro.»
Anónimo