Cada vez son máis habituais os usos indebidos, roubos e plaxios de creacións gráficas. O ilustrador debe coñecer as ferramentas legais e xurídicas para facer valer os seus dereitos fronte a estas infraccións. E, no posible, debe reclamar compensacións proporcionadas aos danos causados.
Armas legais fronte aos usos indebidos
Plaxiar é copiar no substancial obras alleas, facéndoas pasar como propias. O plaxio e o uso indebido dun traballo teu (sen o teu permiso ou acreditación, tanto se hai lucro coma se non) vulneran os teus dereitos morais. Se ademais están a obter beneficio económico ou empresarial, tamén vulneran os teus dereitos patrimoniais.
No caso de dano moral, a LPI estipula que «procede a súa indemnización, aínda que non estea probada a existencia de prexuízo económico», e para a súa valoración «atenderase ás circunstancias da infracción, a gravidade da lesión e o grao de difusión ilícita da obra». A LPI (art. 140.2) tamén establece que o autor poderá esixir indemnización por danos patrimoniais de acordo coas «consecuencias económicas negativas, entre elas a perda de beneficios que sufrise a parte prexudicada e os beneficios que o infractor obtivese pola utilización ilícita», ou «a cantidade que como remuneración percibiría o prexudicado se o infractor pedise autorización para utilizar o dereito de propiedade intelectual en cuestión».
O Código Penal (art. 270.1) establece as multas e penas de prisión que pode carrear o plaxio ou o uso de obras sen permiso do seu autor.
A protección internacional
A protección de dereitos de autor no ámbito internacional está regulada pola Convención de Berna, asinada por máis de 160 países. Esta convención garántelles aos autores de calquera país asinante a protección automática das súas obras en todos os demais países que forman parte do convenio.
Usos (e abusos) na era dixital
O fluxo global e continuo das imaxes supón un reto para a protección da obra dos ilustradores. Internet incrementa o risco de «roubo» para o autor, mais tamén o risco de evidencia e descubrimento para o infractor. Unha das variantes máis recentes de infracción é a apropiación de imaxes colgadas en internet para a súa venda como arte NFT.
Como actuar fronte ao uso indebido da túa obra
Se un cliente está a usar indebidamente un traballo que che encargou
Infórmao de que ese uso non estaba previsto no acordo, e por tanto é unha infracción dos teus dereitos. Tes dereito de reclamarlle un pagamento adicional por ese uso non pactado. Se quere manter ese novo uso ou amplialo, negocia un prezo pola ampliación de cesión do teu traballo. En todo caso, antes de reclamar repasa coidadosamente os termos e condicións pactados por escrito (por exemplo, se o fixeches como asalariadx para unha empresa, os dereitos de explotación perténcenlle a esa empresa, salvo que asinases algo en contra).
Se é un plaxio ou uso indebido por terceiros
- Busca os responsables. Non contactes con eles nin fagas pública a infracción. Comproba se o uso está dentro dos límites dos dereitos de autor (páx. 21 do Nuevo libro blanco). Por exemplo, se é unha obra nun espazo público (como un mural) pode reproducirse sen permiso do autor.
- Avalía o alcance da infracción e recolle probas. Investiga o alcance (datos de tiraxe ou difusión) e se está xerando lucro. Recompila probas (exemplares, anuncios, reproducións, capturas da web dos infractores, capturas de vídeo etc.). É importante que poidamos certificar ese contido de internet como proba; por exemplo, a través dunha acta notarial. No caso de plaxio, fai un gráfico comparativo que evidencie o «parecido máis que razoable». Cantos máis argumentos obxectivos teñas, máis posibilidades terás de que se recoñeza a infracción.
- Asesórate. Pide consello a compañeiros experimentados ou informa do caso na túa asociación profesional. Segundo a gravidade, o alcance e o lucro da infracción, podes tomar distintas medidas: esixir a retirada da obra roubada, esixir indemnización, darlle difusión á infracción ou emprender accións legais.
- Acude a un avogado. Se chegaches aquí é que hai vulneración flagrante ou prexuízo económico demostrable. Unha breve reunión cun avogado experto en propiedade intelectual non che sairá custosa. Valorará as mellores accións que se poden tomar. A primeira medida formal adoita ser un requirimento enviado por burofax aos infractores, reclamando o cesamento da infracción e a retirada da obra ou do produto.
- Fai presión e negocia. Tanto se os contrarios responden coma se non, o avogado orientarate nas seguintes medidas que habería que tomar. Sempre convén buscar medidas de presión para chegar a un acordo cos contrarios. Os procesos xudiciais adoitan ser lentos, molestos e custosos: é mellor un mal trato que un bo xuízo.
- Viraliza a infracción. Nalgúns casos non sairá a conta emprender accións legais, pero podes difundir o caso entre a profesión e nas redes sociais. Unha acción viral de desacreditación ben orquestrada pode dar bos resultados (ollo: non insultes nin descualifiques os infractores, ou poderían emprender accións legais contra ti).
- Denuncia a infracción e solicita a retirada das redes sociais. Se usaron o teu contido nas diferentes redes sen o teu permiso e atribuíndose a autoría, podemos solicitar a retirada. As plataformas ofrecen canles para denunciar as vulneracións de dereitos.
Precaucións e prevencións
- Rexistra as túas creacións nas Oficinas do Rexistro da Propiedade Intelectual ou en servizos online como SafeCreative. O rexistro non é unha proba irrefutable, pero prevalece en caso de conflito.
- Cómpre rexistrar os proxectos antes de movelos en editoriais, produtoras etc., ou antes de difundilos en internet.
- Asina as imaxes que subas á rede. Pon o teu nome xunto o símbolo do copyright (©), ou o correspondente de CC. Así constará a túa propiedade intelectual en ámbitos internacionais.
- Comparte e sube só arquivos en baixa resolución, para dificultar os usos non autorizados.
«Todos os artistas estamos protexidos polo dereito de autor… e deberiamos ser os primeiros en respectar o dereito de autor.»
Bill Cannon