Como todo freelance que traballa en España, o ilustrador ten que asumir unhas condicións burocráticas, fiscais e de cobertura sanitaria áridas e ingratas. Resumimos estas condicións e deixamos algunhas recomendacións para que o papelame non se che converta nun viacrucis.
0. Glosario
RETA: Réxime especial de traballadores autónomos
TXSS: Tesourería Xeral da Seguridade Social (Seguridade Social)
IAE: Imposto de actividades económicas
AEAT: Axencia Tributaria (Facenda)
SMI: Salario mínimo interprofesional
1. Autónomos e IAE
Hai que darse de alta?
A lei obriga a darse de alta en Facenda e na Seguridade Social a toda persoa que vaia exercer unha actividade económica. Se a túa actividade non é habitual e os teus ingresos anuais están por debaixo do SMI, teoricamente podes facturar sen te dares de alta. Serve como solución provisional, pero tendo sempre en conta que non é unha situación totalmente correcta (máis información nas pp. 35-36 do Nuevo libro blanco).
Moitos autónomos esporádicos danse de alta no RETA só nos meses con actividade. Este truco para emitir facturas só nos meses de alta comporta risco de inspección e sanción (pagamento de meses atrasados). Ademais, as altas e baixas continuas afectan as prestacións e mesmo poden facer que quedes sen cobertura sanitaria.
O sistema de cotas de autónomos
En xaneiro de 2023 entrou en vigor o novo sistema de cotizacións dos traballadores autónomos. A principal novidade son as cotas e cotizacións proporcionais aos ingresos (canto máis factures, maior cota mensual terás que pagar).
Este sistema obriga a facer unha previsión dos ingresos que esperamos obter no ano en curso (cousa moi difícil de calcular para moitos ilustradores). Desta previsión obtemos a media mensual, e deberemos consultar unha táboa para determinar a base de cotización e a cota que nos corresponden. As táboas divídense en quince tramos por orde de menor a maior volume de ingresos.
Pechado o exercicio, a TXSS fai unha regularización anual da nosa cotización, partindo dos nosos rendementos reais. En moitos casos, estes ingresos reais serán inferiores ou superiores á nosa previsión. Se a nosa base de cotización escollida é inferior á cotización regularizada, teremos que pagar máis. Cando a nosa cotización escollida sexa superior á regularizada, devolverannos cartos.
Os tres primeiros tramos das táboas corresponden á «táboa reducida». No período 2023-2025 os novos autónomos poden solicitar a cota reducida/tarifa plana (80 euros/mes durante o primeiro ano de actividade). Esta tarifa é prorrogable outros doce meses para as persoas con rendementos inferiores ao SMI anual vixente.
En resumo, este sistema é máis equitativo, pero tamén máis embrollado. Para obteres máis información e actualizacións, consulta as ligazóns da versión en liña deste artigo.
Como darse de alta como autónomo
- Acudir á TXSS, obter o número de afiliación e darse de alta no RETA. Podes darte de alta na súa sede electrónica ou de xeito presencial, cubrindo o modelo TA0521. Todos os autónomos están obrigados a tramitar a afiliación, a cotización e a recadación de cotas por vía electrónica.
- Na Axencia Tributaria, inscríbete no censo de profesionais co impreso 037 (podes compralo alí, descargalo de balde para entregar en persoa ou cubrilo por internet con certificado dixital). Os profesionais están exentos de pagar o imposto de actividades económicas.
Epígrafe IAE ilustradores | 861 (sección 2) |
Código CNAE ilustradores | 9003 Creación artística e literaria |
A data de alta na Seguridade Social e a data de alta en Facenda sempre deben coincidir. Podes tramitar a alta en ambos os organismos o mesmo día, pero sempre primeiro na Seguridade Social. O prazo para presentar as baixas é de tres días. A partir da túa primeira alta en autónomos só poderás emitir facturas con datas dentro dos períodos de alta. Cada ano podes cursar tres altas cotizadas por días (altas que non precisan cotizar por mes completo).
2. O IRPF
Unha vez que estás de alta, xa podes emitir facturas. Ademais do concepto e o importe, sempre deben figurar:
- Todos os teus datos fiscais e os do cliente.
- O número de factura (dentro do ano en curso) e a data de emisión.
- A retención do IRPF (actualmente, o 15 %).
Desde o 2023, os autónomos con facturación menor de 15 000 € no exercicio anterior teñen dereito a un IRPF reducido do 7 %. A redución tamén é aplicable para novos autónomos dentro do seu ano de inicio e os dous seguintes. Estas reducións son opcionais: canta menos retención, é máis probable que a declaración da renda saia «a pagar».
3. O IVE
Os traballos de ilustración consistentes na cesión de dereitos de autor (practicamente todos) están exentos de IVE. O deseño gráfico, pola contra, si leva IVE: para os efectos fiscais, a ilustración non é un servizo como o deseño, senón a cesión dunha creación a cambio dunha contraprestación. Ollo, a venda de orixinais ou aplicacións físicas dunha ilustración (postais, camisetas…) si deben levar IVE.
Se só fas traballos exentos de IVE, indícao no modelo 037 de alta no IAE, e non terás obriga de declarar IVE. Nas facturas de traballos exentos de IVE é recomendable incluír o texto «Operación non suxeita a IVE polo artigo 20.Un.26.º da lei 37/1992».
4. A declaración da renda
Se es freelance (é dicir, realizas actividades económicas por conta propia, e estás de alta en Facenda) tes obriga de presentar a declaración, independentemente dos teus ingresos. Para facer a declaración, podes descargar os teus datos fiscais na web da AEAT. Revisa sempre os datos. Se falta algo ou a información non é correcta, ti es responsable de que figuren ben na túa declaración. Os datos fiscais recollen:
- A lista dos pagamentos que che liquidaron os clientes.
- As retencións de IRPF deses pagamentos.
- Algunhas actividades que poden vir reflectidas como rendementos de traballo.
- A túa cotización no réxime de autónomos.
MELLOR ‘ONLINE’
- Para as altas e baixas en liña precisas un certificado electrónico, activar o teu DNI electrónico ou usar clave PIN. Unha vez obtido algún destes requisitos, aforrarás tempo, paseos e citas previas.
- Se a declaración che sae negativa («a devolver»), preséntaa por vía telemática. Facenda adoita pagar en poucas semanas.
- A entrada en vigor da Lei «Crea e Crece» fai obrigatoria a facturación electrónica. Desde setembro de 2025 todas as facturas entre autónomos e empresas deberán ser en formato electrónico. As facturas a particulares poden seguir sendo en papel.
«Os autónomos non enferman xamais.»
Proverbio ‘freelance’